|
Eramos uns cativos e igual que xogabamos a facer una revista titulada “A Pipa”, tamén xogabamos a facer teatro. Non había ningún maior, ningún profesional que nos dirixira ou nos guiara, así que faciamos o que imaxinabamos que era teatro. Disfrazabámonos, pintabamos uns decorados, ou faciamos monicreques con pasta de papel e remendos de tea.
Con monicreques representamos o 3º lance d’Os vellos non deben de namorarse de Castelao (1986), e o conto de Xosé Neira Vilas, protagonizado por unha vaca, titulado A Marela Taravela (1987). Facendo que eramos actores representamos Petición de man de Antón Chékhov (1990) e O Bufón d’El Rei de Vicente Risco (1991)… Tamén xogamos a montar coreografías e festivais, como o do día de Inocentes do 1994. Naqueles xogos participamos: Mónica Terrado Lage, Oscar López Blanco, Amparo e Afonso Becerra Arrojo, Vanesa Digón, Lorena Torres, Sandra López, Jano Pardo Vuelta, Xesús Bermúdez Tellado, Ruth Vázquez Pereira, Enma Fernández Segura…
A partir de 1998 empezamos a contar coa colaboración de actrices e actores profesionais. Ademais, un dos impulsores da Asociación Cultural, Afonso Becerra, remata os estudos superiores de arte dramática. Así que, desde esas datas, o teatro pasa a formar parte das actividades regulares d’A Pipa, incorporándose á programación das Noites Poéticas. Deste xeito á arte da palabra sumamos a arte da acción. Os espectáculos de pequeno formato realizados desta xeira, con dirección escénica de Afonso Becerra, foron:
1998 – Antígona de M.X. Queizán. Interpretado por Laura Cuervo e Afonso Becerra.
1999 – Ámeto Mítico con poemas de Uxío Novoneyra. Int. Laura Cuervo, Paola Beiro e Afonso Becerra.
2000 – As nosas ás con textos de Chus Pato e William Shakespeare. Int. Laura Cuervo e Paola Beiro.
2001 – Habelas hainas con textos de Marica Campo. Int. Laura Cuervo e Paola Beiro.
2002 – Ai, Himen Himeneo! con textos de María do Cebreiro e Álvaro Cunqueiro. Int. Laura Cuervo e Dani G. Salgado.
2003 – Cabral Capricornio con textos de Cristal Méndez Queizán. Int. Laura Cuervo e Cristal Méndez.
2005 – As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela de Manuel María. Int. Laura Cuervo, Cristal Méndez, Dani G. Salgado e Afonso Becerra. (2/01/05).
2005 – Hai auga que abura cun poema de Darío Xohán Cabana. Int. Laura Cuervo. (28/12/05).
2006 – A araña tece cun poema de Anisia Miranda. Int. Laura Cuervo. E Balbino co 1º cap. de Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. Int. Dani G. Salgado.
2007 – A velada de Londres e A Proba de Manuel Lourenzo. Int. Laura Cuervo e Alberte Bello.
2008 – Neuras de M.X. Queizán. Int. Laura Cuervo e Vitoria Pérez. E O Heroe de Manuel Rivas. Int. Laura Cuervo e Alberte Bello. |